“Saír, por un intre” (Parte 2)

Admin GaliciaDigital
  • 28 de diciembre de 2021
  • 0 Comments

O obradoiro de teatro que imparte a actriz Cris Collazo no módulo UTE da prisión de Monterroso está a piques de rematar.

Todolos mércores, a sala de uso común do módulo convírtese en calqueira espazo do máis variopinto (unha selva, un supermercado, a estación de tren, unha festa…) no que todos participamos nese xogo marabilloso de ser outra persoa. Sen prexuízos, con imaxinación.

Cris describe o seu obradoiro como “un traballo de grupo e individual no que potenciamos as habilidades de cadaquén dende o humor e o autocoñecemento” (dou fe disto, hai xogos de improvisación no que practicamente acabas no chan chorando da risa). A nivel metodolóxico “dividimos o obradoiro en tres bloques nos que experimentamos diversas técnicas teatrais como o clown, a improvisación ou os títeres”.

Ela manexa habilidosamente esa maxia do teatro de trasladar o momento presente a outros tempos e espazos : “cada semana desfrutamos do que vén, de sorprendernos de nós mesmos e de aprender uns dos outros”. Ante este panorama semanal o título do obradoiro, “Saír, por un intre” ten máis sentido que nunca. Nun contexto como a prisión, crear espazos de distensión, de autodescubremento e aprendizaxe supón xenerar experiencias de gran valor de cara a preparación da vida en liberdade.

Como sabedes, este obradoiro forma parte das actividades do Plan de Animación Sociocultural da prisión de Monterroso e este ano conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo que permitiu dar continuidade durante máis meses este marabilloso proxecto.

Coma di Cris “este proxecto comezou hai anos, mais cada ano é unha nova aventura chea de vivencias intensas”. Pois ogallá repitamos neste novo ano que entra.

Polo teu compromiso con este proxecto, mil grazas Cris.

es_ESSpanish