Durante este ano 2022, de desenvolvemento das actividades financiadas pola Fundación La Caixa, continuamos coas Aulas Abertas.
Como explicabamos en anterirores entradas, a Aula Aberta está enmarcada na nosa liña de Motivación ó estudo e reforzo da escolaridade. É a nosa pequena gran contribuciónpor achegar coñecemento (ciencia, deporte, arte, etc) ós internos dunha forma amena, mesmo divertida, co fin de transmitir esa curiosidade tan necesaria para querer aprender e así motivar para iniciar uns estudos.
Hai que ter e conta que para moitas persoas a etapa escolar quedou moi, moi atrás no tempo e para quen decide retomar na idade adulta, despois de moitas experiencias vitais, supón toda unha proba de esforzo e constancia. Dende o Plan de Animación Sociocultural queremos apoiar neste esforzo, animando a continuar os estudos ou a retomalos, co ciclo de Aulas Abertas, dando a oportunidade de descubrir cousas novas e marabillarse do saber da man de persoas expertas que desfrutan con paixón da súa profesión.
No que vai de ano, tras dous peches pola Covid na prisión, desenvolvemos dúas Aulas e outra que vén en camiño da que vos falaremos nuns días.
En maio tivemos con nós a Antonio García Vinuesa, divulgador científico e investigador na Universidade de Santiago de Compostela. Durante unha intervención áxil e amena falounos do cambio climático, das súas causas, de como nos está a afectar e das posibles solucións, xa paliativas.
Tivo gran expectación entre as persoas que participaron, serviu para aclarar dúbidas e de seguro, para suscitar outras tantas.
Trala charla, deuse un diálogo interesante en canto ás responsabilidades de cada quen neste asunto e sobre certos cuestionamentos nos modos de vida.
E neste mes de xuño contamos con Suso López, productor da película DHOGS. Esta primeira película do director Andrés Goteira, foi todo un éxito nas salas de cine independente, recibindo moitos premios e nominacións.
Suso falounos da súa experiencia persoal facendo a peli. Sorprendeu entre o público o esforzo dos cinco anos que implicou sacar adiante este proxecto que se convertiu nunha carreira de obstáculos que tiveron que ir sortenado con moito empeño, determinación e paixón. Esa sorpresa inicial entre os asitentes torna en admiración cando Suso nos conta que non son os premios o éxito da peli senón a satisfación persoal que supón rematar este proxecto tan longo e ás veces tortuoso.
Tanto Antonio coma Suso foron entrevistados na radio LibreMente polos internos da UTE, onde temos ubicado o noso taller durante este ano.
Pronto vos contaremos estoutra estupenda experiencia
🙂