Experiencias na Radio LibreMente

Admin GaliciaDigital
  • 16 de noviembre de 2022
  • 0 Comments

Pedísmoslle a Miguel Castro, dinamizador da radio LibreMente, que nos conte cal é a súa experiencia desenvolvendo este taller dende que se incorporou, fai case tres anos, ata agora. Tamén nos fala das súas impresións ó realizar este proxecto nun contexto tan particular como é a prisión. Mil grazas, Miguel, por adicarnos o teu tempo e estas palabras:

A mediados do 2019, grazas á Asociación Melisa e a Aliad Ultreia, xurdiume a posibilidade de participar nun proxecto radiofónico dentro da prisión de Monterroso. Desde o 2006 levo vinculado ao mundo das radios comunitarias dunha ou outra forma, primeiro en Radio Filispim, a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos, e máis tarde iniciando un proxecto de radio na escola de primaria onde traballaba.

Pero agora tratábase de iniciar un proxecto de radio comunitaria nunha prisión, de primeiras, un espazo alleo a min, non tanto porque non me interesase, senón porque as prisións no noso estado son institucións demasiado opacas, ás que tristemente, préstaselles un mínimo de atención pola sociedade, os medios de comunicación ou o mundo político, salvo que se teña que “vender” unha noticia sensacionalista ou unha persoa famosa entre nunha delas.

Que sabemos do que é a vida en prisión? Eu creo que nada, ou case nada. Un conxunto de prexuízos sobre ela, e as persoas que as habitan, vértese sobre os que estamos fóra e, polo xeral, a cidadanía fala sen ter claro o que supón estar privado de liberdade.

O proxecto Radio LibreMente xurdiu con dous obxectivos claros:

Por unha banda, facilitar ás persoas presas unha saída ás súas ideas, un tempo necesario de desconexión a un mundo duro, rutineiro e onde a motivación moitas veces é un privilexio que non todo o mundo pode manter mentres se atopa nunha situación de falta de liberdade. A radio, o podcast, non é máis ca un instrumento que facilita o separarse un pouco dun mesmo, ser ti, pero coa distancia que proporciona un micrófono. Un encontro onde atoparse, non tanto para falar, que evidentemente é necesario, pero máis para escoitar. Un espazo para poder tratar as inquedanzas que todas as persoas temos, tamén as presas e que, no proceso, aínda que sexa por unhas horas (como reflicte o nome da radio) cando menos as mentes teñan unha liberdade necesaria para soportar o día a día.

O segundo obxectivo, tamén imprescindible, é que o realizado en prisión saia ó exterior. Que a cidadanía non despersonalice a quen, nun momento das súas vidas, cometeron un erro e o está a pagar coa súa liberdade. Achegar aos que estamos fóra aos seres humanos, si, como ti e coma min, que o día de mañá compartirán o mesmo espazo na sociedade e que, cando o fagan, logren reinsertarse nela dunha maneira harmónica e sen volta atrás. Isto último que digo é fundamental para comprender este tipo de traballos que vén realizando Aliad Ultreia.

A cidadanía debe entender que o obxectivo primordial do paso dunha persoa polo cárcere é a reinserción (reflectido con claridade na Constitución e que parece que, co paso do tempo váisenos esquecendo). A cadea si se considera un vertedoiro social, todas e todos perdemos. Perdemos liberdade, perdemos democracia, perdemos dereitos e valores humanos, non só os presos e as presas, senón toda a sociedade no seu conxunto.

O día que entrei por primeira vez en prisión, para comezar o proxecto, me impactaron, como a calquera, os seus muros, o seu ambiente claustrofóbico, un espazo cargado de normas. Despois apareceron as persoas e, con elas, como anteriormente fixera noutros espazos ben diferentes, fomos creando momentos e programas, coas dificultades e fortalezas propias de cada ser humano e a súa situación, é dicir, sen importar que entre eles e nós exista un muro e mil cadeados que nos separen.

es_ESSpanish