Nun contexto social tan particular como é a prisión, confiamos na animación sociocultural como estratexia de traballo que permite acrecentar as posibilidades de educación, no respecto aos dereitos da persoa.
Sabendo das dificultades que impón este contexto (centralidade no control, illamento social, falta de autonomía, impactos sobre a persoa, queime profesional), a experiencia na prisión de Monterroso é unha mostra elocuente das posibilidades desta metodoloxía na mellora das condicións de convivencia.
A través dun proceso de investigación - acción - participativa, a comunidade penitenciaria (presos, persoal de Interior, equipo técnico e entidades externas) implicouse na análise da súa realidade co obxectivo de transformala. Dese proceso de reflexión naceron liñas de acción que buscan mellorar as posibilidades de educación en prisión:
Recoñécese que a principal transformación que se produce nun proceso de Animación Sociocultural é a que vivimos nós mesmas como persoas (profesionais e persoas presas), na nosa forma de comprender a realidade, de relacionarnos, de organizarnos, de manexar as nosas cotas de poder, de implicarnos na dinámica colectiva de mellora da convivencia e das posibilidades educativas.
Pártese de que algunhas das barreiras para a educación neste ámbito non se sitúan na persoa, senón na propia natureza dunha institución orientada á reclusión, polo que se aposta pola participación comunitaria como experiencia de transformación e mellora.
Isto implicou tamén unha aposta decidida por parte da directiva do centro penitenciario e dos/as seus profesionais, por incorporar pequenas transformacións que melloren a realidade do centro, acrecenten as posibilidades de participación e incorporen a óptica da educación social.
Debemos considerar que as persoas privadas de liberdade, que se atopan en situación de peche pero tamén de castigo social, disciplinamento, control e segregación, moi a miúdo son privados, polas propias estruturas e dinámicas, das accións educativas necesarias e da recreación cultural ás que teñen dereito polo simple feito de ser seres humanos. (…) A educación ten como fin propio o desenvolvemento integral das persoas, neste caso, as persoas presas e, baixo ningún concepto, podemos admitir a negación deste dereito, do que debe ser garante o Estado, afastándonos da idea de concibir a educación como unha tecnoloxía de carácter terapéutico asociada á boa ou mala conduta no interior das prisións, obviando cuestións que precisan unha maior análise, como poden ser as condicións de vida referidas á submisión, obediencia, control social que moito teñen que ver coas situacións de peche.
Solves e Valverde, Educación social en centros penitenciarios,
Revista de Educación Social, 22, 2016
O Centro Penal de Monterroso está sito no concello homónimo, afastado –como adoitan estar estes espazos– dos núcleos de poboación.
É unha prisión pequena, con en torno a 200 persoas reclusas, todos homes. Proxectada nas súas orixes como prisión de menores, conta cunha infraestrutura máis humana que os grandes macrocentos nos que se encarcela a miles de persoas.
Estas calidades aportan un clima de convivencia máis tranquilo que noutras cadeas, facilitador dun mellor trato entre as persoas que a habitan, pero tamén fai que reciba menos recursos e oferta educativo-formativa.
Un centro coa mirada posta na mellora permanente, que busca a incorporación de pequenos cambios que acrecenten as posibilidades educativas e de participación e a apertura a iniciativas externas.
Somos unha asociación que traballamos pola mellora da calidade de vida de persoas reclusas e ex-reclusas, persoas con problemas de trastornos aditivos e mulleres vítimas de violencia de xénero.
Levamos anos de traballo nas prisións de Bonxe e Monterroso, desenvolvendo proxectos de preparación á liberdade.
Somos un grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, que pretendemos desenvolver unha actividade científico-académica comprometida e innovadora, propondo estratexias que sexan útiles para a sociedade, o benestar e a calidade de vida da poboación.
O grupo de investigación ECIGAL da Universidade da Coruña (España) dedicámonos a promover e investigar a Educación para a Cidadanía Global (ECG) e outras educacións críticas e transformadoras. Entendemos que a ECG é unha estratexia ética de transformación ecosocial, a través da aprendizaxe colaborativa e comprometida coa construción de sociedades xustas e solidarias.
Este proxecto contou desde os seus inicios co financiamento da Obra Social A Caixa, a través da Convocatoria de interculturalidad y acción social, (2011, 2013, 2015, 2017 e 2019) dirixida a impulsar proxectos que fomenten a convivencia cidadá intercultural e o desenvolvemento social, e que potencien a igualdade de oportunidades para todas as persoas, para promover unha sociedade presente e futura máis xusta e cohesiva.