Reforzo á escolaridade

Admin GaliciaDigital
  • 25 de Novembro de 2021
  • 0 Comments

Unha das apostas do Plan de Animación Sociocultural da prisión de Monterroso é o reforzó á escolaridade dos internos. O abandono escolar a idades moi temperás ou o consumo de drogas na adolescencia son algúns dos motivos que facilitan unha ruptura co entorno académico. Agora, de adultos e en prisión, moitos pensan que xa é tarde para estudar ou que non serán quen de sacala ESO.

Retomar o contacto co entorno escolar despois de tanto tempo precisa de grandes doses de motivación e forza de vontade. Todo un reto tendo en conta que falamos de persoas, en termos xerais, con baixa autoestima, con pouca tolerancia á frustración, inmersos en moitos casos nunha rutina de tempo baleiro e monótono, vicioso, moi difícil de romper.

No marco desta liña de Reforzo á escolaridade, no mes de setembro, organizamos unhas xornadas de presentación da oferta educativa do centro penitenciario co obxectivo de informar das opción ás que os internos poden acceder. Nesas xornadas participou a dirección da EPAPU, funcionariado da área de formación do centro e entidades externas que desenvolven formación para o emprego.

Como acción central de dita liña, iniciamos as AULAS ABERTAS , iniciativa que pretende achegar o coñecemento e o amor polo saber ás persoas presas. Hai todo un mundo que explorar dende a ciencia, as artes, o deporte, a historia…Así, cada mes convidaremos a unha persoa experta nunha determinada materia co fin de transmitir novo coñecemento, contarnos a súa experiencia profesional, puntos de vista…Trátase de ofrecer novos espazos de coñecemento no que aprender e marabilllarnos de tódalas cousas que acontecen no mundo . En definitiva, mexer esa curiosidade que serve de motor da aprendizaxe.

Onte, 24 de novembro, comezamos a primeira Aula Aberta da man Aroa Sío, onde nos falou da súa paixón, as carreiras de montaña, deporte que descubriu con 36 anos e no que en moi pouco tempo conquistou boísimos resultados quedando como Subcampioa de España Ultras no 2019 (Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada), Campioa Galega Trail 2018,etc.

Por suposto, tras desa exitosa e recente carreira deportiva, hai unha historia de motivación, superación persoal…en realidade, hai case toda unha filosofía de vida que pasa, como dí Aroa, por estar en paz cunha mesma, perdoando e sendo perdoada, e facendo o que a cada persoa lle gusta.

A súa intervención xerou gran interese e expectación entre os internos. Sen dúbida, tódalas persoas alí presentes levamos un chisco do seu entusiasmo e motivación.

Todo un luxo contar con Aroa para iniciar este novo ciclo.

Aroa Sío (no centro da imaxe) con parte do equipo do Plan de Animación Sociocultural
gl_ESGalician