O que o Covid-19 sitúa ante nós

Admin GaliciaDigital
  • 7 de Abril de 2020
  • 0 Comments

Entre os muros das cadeas as persoas presas están a vivir situacións realmente duras. Bloqueadas as visitas, os permisos penais, a entrada de profesionais e de voluntariado de fóra…o seu peche endurécese. Isto leva a situacións psicolóxicas e emocionais moi complicadas, que moitas veces se agravan con síndromes de abstinencia ou deficitarios seguimentos das medicacións. Súmanse a esta realidade os temores polo COVID-19 que compartimos toda a cidadanía, pero potenciados nun espazo de reclusión, de convivencia cercana de moita poboación, e non dotado coas medidas de protección adecuadas.

❤️ Pedimos empatía, unha mirada comprensiva, atenta a esta realidade e á garantía de dereitos das persoas presas, fronte a medidas punitivas e sancionadoras que contribúen a acrecentar o seu sentir de dor, raiba e indefensión e a facer a súa situación aínda máis complicada.

👩‍🔬 E pedimos tamén que non se esquezan das prisións, que as doten das medidas de protección necesarias. Nestes centros hai poboación moi vulnerable, con importantes patoloxías médicas e débil estado de saúde que podería verse moi afectada.

Pola nosa parte, seguimos traballando, dende a distancia física ás persoas presas pero na proximidade que permiten as cartas ou ese contacto directo coas súas familias, moitas delas angustiadas.

A formación en radio párase ata que poidamos volver entrar nas cadeas e facer o coidado emocional preciso. Queremos agradecer o esforzo e a implicación das persoas que estaban a participar neste proxecto, das formadoras e formadores, pero especialmente das persoas presas que se implicaron con ilusión dende o primeiro momento. Volveremos con forza para darlle continuidade.

Tamén quedan no aire todas esas iniciativas que tiñamos en marcha coa mirada posta en acrecentar as posibilidades de lecer de cara á primavera e verán, apoiando os proxectos impulsados polos reclusos e tamén por colectivos do exterior; e aquelas iniciativas de reforzo á escolaridade que íamos iniciar para favorecer a integración das persoas no sistema formativo de cara ao curso que vén.

Pero seguimos traballando, planificando e creando rede, porque se algo nos ensina o momento actual é que non é un tempo baleiro, senón un tempo para pensar no cambio, nun cambio non só obrigado polas circunstancias senón conscientemente orientado cara á mellora das nosas sociedades.

gl_ESGalician