28 de outubro de 2022. De 9:30 a 14:00
Facultade de Ciencias da Educación. Campus Vida.
Universidade de Santiago de Compostela
Profesionais dos centros penais galegos (directivas, persoal de Tratamento, e persoal de Interior); profesorado dos centros EPA; profesionais e voluntariado das entidades externas.
Continuando o Plan de Animación Sociocultural que se vén desenvolvendo desde 2012 no Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo), coordinado desde a Asociación Aliad Ultreia, o Grupo de investigación SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela, e o grupo de investigación ECIGAL da Universidade da Coruña, organízase o III Seminario de Educacións en Prisión, que centra a súa atención no elemento nuclear da proposta que vimos construíndo: a participación comunitaria.
O Seminario focalízase na divulgación e potenciación de estratexias participativas nas prisións que favorezan cambios nos modelos penitenciarios cara procesos socioeducativos que fornezan as posibilidades de reeducación e reinserción social que se recollen na lexislación vixente, sendo que a propia Lei Penitenciaria (1979) inclúe no seu articulado a participación activa de internos e internas no seu tratamento, así como nas actividades e servizos do centro (artigos 61 e 24).
Na liña de fundamentar e potenciar este propósito é óptimo poder encontrarnos con profesionais dos C.P. que están incorporando propostas innovadoras de motivación, capacitación e articulación de estratexias participativas que involucren a toda a comunidade da prisión (persoas presas, profesionais dos C.P., profesionais de entidades externas, voluntariado, sociedade civil…). Este é o caso do Modelo de Participación e Convivencia (MPeC) do Departament de Justícia, da Generalitat de Catalunya, no que cristaliza unha experiencia de varios anos de xeración, desenvolvemento e avaliación de mecanismos participativos nos centros cataláns. Unha mostra relevante dun proceso á luz do que reflexionar para construír propostas propias.
O obxectivo xeral do seminario é divulgar as estratexias favorecedoras do cambio de modelo penitenciario que presenta o MPeC, para xerar a reflexión compartida arredor dos seus logros e potencialidades, pero tamén das dificultades e retos que se visualizan.
Concrétase nos seguintes específicos:
* Coñecer a xénese do Modelo de Participación e Convivencia da Generalitat, e as súas principais características.
* Analizar o proceso metodolóxico participativo desenvolvido para a súa concreción.
* Analizar o alcance da implementación do Modelo, así como os resultados dos procesos avaliativos que se desenvolven.
* Favorecer estratexias de reflexión e acción que promovan iniciativas nestas liñas no contexto dos centros penitenciarios de Galicia.
9.15 Recepción de participantes
9.30 Inauguración do Seminario
10.00 Relatorio: O Modelo de Participación e Convivencia (MPeC)
Jordi Enjuanes Llop, educador social, subdirector de tratamento do C.P. de Lledoners.
11.30 Pausa
12.00 Obradoiro: Mapeo da participación nos centros penais galegos.
Susana Gracia Albareda, educadora social, ex directora do C.P. de Lledoners.
M. Carmen Morán de Castro (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)
Germán Vargas Callejas (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)
Paula Polo Pérez (Aliad Ultreia)
María Barba Núñez (ECIGAL. Universidade da Coruña e Aliad Ultreia)
Laura Cruz López (ECIGAL. Universidade da Coruña)
Alejandro Pérez Diez (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)
David Neira Caridad (SEPA-interea. Universidade de Santiago de Compostela)
Organiza
Financia e colabora
A Rede Galega de Educacións en Prisión organiza a Xornada formativa sobre voluntariado no ámbito penitenciario.
De 15:30 a 18:00
Facultade de Ciencias da Educación. Universidade de Santiago de Compostela.
15:30 Acollida e presentación de REGAEP
Laura Suárez Acuña (APES). Responsable de comunicación da REGAEP.
16:00 Faladoiro sobre voluntariado en prisión
Dinamiza: Lorena Rilo, Oficina de Cooperación e Voluntariado da UdC
Participa:
* Nadia Arias, Subdirectora de tratamento do C.P. de Teixeiro.
* Paula Polo, responsable de voluntariado de Aliad.
* Sofía Valentina Rodríguez, voluntaria de APES no Proxecto Fora.
* Alba López, voluntaria da Oficina de Cooperación de Voluntariado da UdC.
* Teresa Botana, voluntaria de Aliad.
Co financiamento de
Membros da REGAEP